Friday 03 de May de 2024

Un total de 29 lenzos compoñen a exposición “Abstracción Vs Figuración” de Xoán Fernández que se amosa no Lustres Rivas


Poderá ser visitada de luns a sábados ata o día 28 de maio

“Abstracción Vs Figuración” é o título da exposición do pintor local Xoán Fernández que está a albergar dende a noite de onte o Centro Cultural Lustres Rivas: unha mostra composta por 29 obras que poderá ser visitada ata o día 28 deste mes.

Numerosos veciños acudiron ao acto de apertura para arroupar ao autor. Entre eles, colegas do noso municipio como Manuel Ayaso, Maralla, Paco Casal, Antonio Pérez, Gonzalo Sarasquete ou Jontxu Argibay.

O evento arrancou coas palabras introdutorias da concelleira de Cultura, Fabiola García, para dar paso a continuación a Xoán Fernández, quen, durante a súa intervención, resumiu a súa evolución como artista: unha carreira que comezou no mundo da abstracción pero que cambiaría –explicou- ao arte figurativo a raíz do seu descubrimento da obra de Johannes Vermeer durante unha estancia en Holanda. Sen embargo, recoñeceu que agora mesmo está inmerso de novo no mundo da figuración. Así mesmo, manifestou que doará ao Concello un dos cadros integrantes da exposición.

Pechou o acto o alcalde, quen destacou a aposta que dende a administración local se está a facer por dar difusión aos artistas a través de iniciativas como a ampliación dos horarios de apertura da propia sala do Lustres Rivas (grazas aos servizos de conserxería prestados por unha empresa de economía social nas fins de semana) ou tamén a través da xestión municipal do Museo do Gravado de Artes.

A mostra de Xoán Fernández poderá ser visitada de luns a venres de 10 a 14 horas e de 18 a 21 horas e os sábados de 18.30 a 21.30 horas.